quinta-feira

A ESTELA : 1. AMPOULE NA FÁBRICA DE ROUPA

Todo o mundo vai vestido, advirte Ampoule, pero case non quedan modistas. Os vestidos, traxes e sombreiros fanse nas fábricas. Sería máis sinxelo que a xente non se vestise, pero din que teñen frío. Se estivesen mellor construídos, coma un robot, poderían prescindir da roupa. Eu vou sempre espida, non levo vestidos, non me importa o frío nin a humidade. Así, remata Ampoule, os homes teñen que se pasa-la vida inventando cousas que lles axuden a vivir cómoda e saudáblemente.
Busca unha fábrica pola zona industrial e métese pola ventá dunha onde hai mulleres sentadas cabo dunha cinta sen fin que transporta uns anacos de tea. As traballadoras collen o pedazo de tea, cóseno a outro nunha máquina eléctrica e volven colocalo na cinta. A carón desa, outra segue cosendo unha manga ou unha blusa. Teñen que darse présa porque a cinta vai bastante lixeira. É o que se chama "traballo a destallo". "Vaia perda de tempo!", berra Ampoule. "Quen falou?", preguntan distraídas as mulleres. "Son eu, a suprema Ampoule!". "Vaia, a ti non che fai falla traballar, pero nós precisámo-los cartos para paga-la renta e a comida". "O que eu non faría sería coser, contesta Ampoule. Anticuado e demasiado lento!".
Mesturando pegamento e aire Ampoule inventa o "fil liquide". Dalle a cada traballadora un bote cheo cun buratiño diante e ensínalles a pegar. "Abonda con preme-lo bote, inxectar un pouco de fil liquide na costura, po-las dúas pezas de tea unha enriba da outra e xa está rematado o pantalón ou a blusa". As mulleres, encantadas, en lugar de coser, pegan. Ó cabo dunha hora xa teñen feito o labor de todo dun día.
Na nave seguinte planchan a roupa. As planchas soltan chorros de vapor para que as chaquetas e as liñas dos pantalóns queden ben. O traballo é duro e os traballadores teñen as faces coloradas polo esforzo."Vaia perda de tempo!", berra Ampoule. "A calar!, berran algúns deles. O traballo é pesado e non nos gostan os entrometidos". "Tedes que inventar unha máquina coa que planchar máis axiña e mellor que coas vosas. Tedes vapor e tedes tea. Seguro que se vos ocorre algunha cousa". "¡Boa idea!, pensan os traballadores, Teríamos que fabricar algo semellante a unha persoa, quente por dentro, de xeito que poñéndolle os vestidos quedasen planchados nun intre por tódolos lados".
Os traballadores constrúen "nylon mannequins" e colócanlles os pantalóns, vestidos e blusas que hai que planchar. Bombean aire comprimido, os mannequins ínflanse e tensan os vestidos; logo, os planchadores fan pasar un chorro de vapor ben quente polos mannequins: Os vestidos quedan planchados nun santiamén e nunha hora fixeron o traballo dun día.
Os operarios e operarias da fábrica alédanse de que o traballo non lles resulte tan agotador e que lles sexa máis sinxelo. O director aparece entón e espeta, "como traballan máis rápido teñen tamén que producir máis roupa"."Vaia disparate!, exclaman indignados os obreiros, Inventamos o "fil liquide" e "nylon mannequins". Por qué temos que traballar máis agora?". "Se traballamos máis, gañamos máis!", asegura o director. "Nós non, vostede é o único que gaña máis porque a fábrica é súa"."Efectivamente", ratifica el con toda naturalidade. "Reflexione, sen nós non podería vostede vender roupa porque non a habería". "A fábrica foi sempre miña. O que ocorre é que, sinxelamente, os obreiros gañan menos que os directores". "É inxusto..., e todos exclaman, Non traballamos máis!". "Pois xa non gañaredes cartos!", conclúe o director. "Vostede tampouco. Non é capaz de pegar vestidos nin planchalos". "Si que son capaz", contesta el moi lixeiro. "Pero non tanto nin tan a présa coma nós", contestan eles. "...certo, dependo de vós", pensa el. Despois confesa: "Sen vos a fábrica quedaría baldeira. Sabede-lo que imos facer? A fábrica será de todos e todo o que gañemos repartirémolo por igual". "Ben!, exclaman asombrados os obreiros, É lo primeiro director do ramo que non nos sae cobizoso".
Todos se alegran, incluso o director. Todos se abrazan e bailan pola fábrica.
Ampoule alégrase e confesa: "Se tódalas fábricas fosen dos obreiros, gañarían máis. E así non estarían tan cansos e tristes polas tardes nos autobuses e tranvías, mentres voltan a casa do traballo".

Günter Herburger (Adaptación)

Um comentário: